top of page
PR Cartel 11 Xornadas Ruta Vinos Galicia.jpg

Nelson Quinteiro e un equipo de artistas encargáronse da comunicación e street marketing das 11 XORNADAS DE PORTAS ABERTAS DAS RUTAS DOS VIÑOS DE GALICIA con unha xira de 25 micro concertos por todas as cidades de Galicia baixo o lema "MARIDAXE SONORA".

Ao abeiro das 11 Xornadas de portas abertas das Rutas dos viños de Galicia creáronse cinco composicións musicais orixinais inspiradas en cadansúa denominación de orixe vitivinícola.

 

A personalidade dos viños galegos, a terra da que nacen, a paisaxe que reflicten ou a cultura da que son froito son elementos cos que Ana Rodríguez e Carlos Calviño, compositores galegos, traballaron para compoñer estes cinco temas inéditos que casan con cada D.O. galega.

O resultado deste traballo, que conta coa colaboración do enólogo Jorge Hervella, é un conxunto de pezas orixinais que permiten paladear os nosos viños a través dunha senlleira experiencia musical.

Para a campaña de comunicación e street marketing da proposta, a empresa StarPlanning volveu contar cos nosos servizos, dándo vida ás partituras da man dos músicos Wilfred Wilde (guitarra), Álvaro Cardalda (acordeón) e Nelson Quinteiro (percusión tradicional), que acompañados polos "soumeliers" Iván Davila (actor), Irene Lorenzo (actriz) e Erica González (narradora) que percorreron todas as cidades de Galicia entre o 2 e o 8 de maio de 2022 para comunicar os contidos desta campaña institucional arredor do viño a través de concertos espontáneos comentados polos nosos particulares "eno-musicólogos".

​​Balada de Covas e Froitos - Valdeorras


Suave melodía de compases redondos e románticos que nos leva ao interior das adegas-cova de Valdeorras para percibir o eco que resoa nas súas barricas, a través dun son que semella mergullarse co sabor que a terra arxilosa e a lousa deste territorio dan aos seus viños.

​​Xota Chanzada - Ribeira Sacra

 

Ao observar a inmensidade do Sil na Ribeira Sacra, os ollos brincan sobre os socalcos que descenden cara o río. Igual de rebuldeira viaxa a melodía desta Xota Chanzada, que se move coma quen recolle a uva entre vides e chanzos e que vira co vento cara ao pasado para achegarnos o aire sacro que nace dos mosteiros que habitan a Ribeira Sacra.

Danza Istórica - Ribeiro


Dúas melodías con sabor hebreo converxen nesta Danza Istórica para regalar ao noso padal a esencia do Ribeiro a través da cultura xudía que subxace na súa terra. Dous ritmos que reflicten a auga de dous ríos que regan o froito dunha sobranceira denominación de orixe. Dúas enerxías que contrastan coma quen entra e sae da neboeira espallada ao longo dos vales en Ribadavia.

Muiñeira Branca de Mestura - Rías Baixas

 

O aire oceánico e a morriña do mar emigrante envolven esta Muiñeira Branca de Mestura, que nos invita a sentir a frescura dos viños das Rías Baixas. A melodía alegre e festiva, o ritmo popular e a súa combinación de compases reflicten o carácter dos seus viños, evocándonos as diferentes variedades que conviven baixo esta denominación.

Marcha Báquica – Monterrei


Reis, trobadores e cabaleiros danzan con esta Marcha Báquica a través dos seus compases medievais. Unha composición que nos transporta a aqueles séculos nos que as escrituras musicais se gardaban en pergamiños e a lira e o laúde eran os instrumentos de moda no país. Anuncian os tambores desta peza que este será un bo ano de viño en Monterrei.

bottom of page